O CAPM Rois pertence a Urdilde, unha pequena parroquia do Concello de Rois. Para que vos fagades unha idea; estamos situados nunha zona rural, o noso é o edificio máis grande da parroquia, e mires para onde mires, sempre hai verde, o verde da nosa marabillosa paisaxe galega. Estamos rodeados por tantas árbores, que case podemos dicir que estamos agochados.

Cando alguén nos pide as indicacións para chegar, o que solemos dicir é que busquen a casa máis alta de Urdilde, “a casa grande e azul” como din os nosos maiores. Por todo isto hai que dicir que somos uns privilexiados. Saímos fóra ao xardín e respiramos aire fresco, aire puro, escoitamos o cantar dos paxaros, o recendo a herba, a eucalipto, e de vez en cando a esterco tamén…

Somos coñecidos polo moito que nos gusta cantar as regueifas que entoamos ou os refraneiros aos que lle poñemos ritmo nun “vira vira”. Pero tamén temos que dicir que somos moi bos no pasapalabra e no bingo.

Unha pequena gran familia de 51 persoas, entre persoas usuarias e traballadoras, con toda unha historia de vida moi longa que continuamos escribindo.